luns, 12 de setembro de 2022

Coñecéndonos: Caderno de soños



Estamos a comezar o curso e atopámonos cunha nova distribución dos grupos-clase. De aí que sexa necesario presentarse e coñecerse. Sobre todo no 1º curso de ESO cuxo alumnado procede dos diferentes centros de primaria da contorna. 

A actividade que presentamos hoxe é a elaboración dun Caderno de soños. Resulta idónea para o inicio de curso no que os rapaces e rapazas do grupo comezan a coñecerse. 

Cada rapaz ou rapaza elabora un caderno no que irán respondendo a cuestións por escrito sobre si mesmos e os seus gustos persoais. 

Que necesitamos para levala a cabo? Cartolinas e folios de cores, rotuladores ou cores, ademais de imaxes que podemos recortar de revistas. 

Proponse unha serie de cuestións que axudarán a coñecer os gustos e os trazos da personalidade de cada un ademais de reflexionar sobre un mesmo. 

Plan da actividade: 

1. Algunhas das cuestións a abranguer  poden ser as seguintes:

Hobbys: O que máis me gusta facer é... O que menos me gusta é...

Eu: Cales son as miñas virtudes? Cales ven os demais en min? E os meus defectos? Cales son os que ven os demais en min?

Libros, películas, música: O meu libro favorito é... A película que máis me gustou é...O meu grupo musical favorito é... A miña serie favorita... Unha canción que me encanta é...

Imaxinando: De maior gustaríame ser... Gustaríame viaxar a... E vivir en...

Amizade: Os meus amigos son... O que máis me gusta deles é...

Familia: O que máis me gusta da miña familia é...

Outros: A miña cor favorita é... A materia que máis me gusta é... E a que menos...

2. Despois, a modo de collage, pódense pegar imaxes e fotografías, recortes de revistas e catálogos etc. que ilustren as respostas.

3. Finalmente, os rapaces poden expoñer o seu traballo diante dos seus compañeiros.

4. Gardando na casa este caderno, tempo despois, anos despois, poden ver como eran e pensaban a esa idade.

Déixovos a actividade en formato pdf. por se interesa: Caderno de soños

No vindeiro post veremos que tal resultou.


xoves, 25 de agosto de 2022

Benvida: Titora a tempo completo

 


A labor das persoas titoras é moi importante. Acompañamos aos rapaces e rapazas no seu proceso de ensino aprendizaxe, como non!, pero sobre todo, no seu crecemento persoal ao longo de cada curso.  

Estamos moito tempo xuntos e case sen darnos conta, convertímonos nun referente para eles. 

Este blogue nace coa finalidade de axudar e de inspirar a todas aquelas persoas docentes que cada ano levan unha titoría. Penso que esa sesión semanal presencial pódese alimentar con múltiples actividades que favorezan o coñecemento dun mesmo e daqueles que nos rodean no dia a día, así como fomentar a creatividade e os valores dunha convivencia positiva. 

Poñernos fronte a unha titoría, ás veces, pode ser motivo de agobio porque non sabemos qué podemos facer nesa sesión semanal presencial co noso grupo. Coas actividades propostas espero contribuír ao desenvolvemento da titoría na aula. 

Este blogue nace das experiencias compartidas con moitos profesores e profesoras anónimas que traballan arreo poñendo o seu grao de area para mellorar a convivencia nas aulas. 

Sempre agradecida aos compañeiros e compañeiras do IES Afonso X O Sabio (Cambre) que foron a fonte de inspiración dun sinfín de actividades que agora vos propoñemos. 


Coñecéndonos: Caderno de soños

Estamos a comezar o curso e atopámonos cunha nova distribución dos grupos-clase. De aí que sexa necesario presentarse e coñecerse. Sobre tod...